Alberto Pombo (Loureda, 1985) é Licenciado en Filoloxía Galega e Doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios con mestrados en Pedagoxía e en Literatura, Cultura e Diversidade. Membro do Grupo Illa de Investigación Lingüística e Literaria da Universidade da Coruña, na actualidade é profesor no IES Rafael Dieste desde onde promove o proxecto "Aquí tamén se fala".

Comezou na docencia ocupándose do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Estremadura e proferindo comunicacións ou cursos en diferentes facultades de Austria, do Brasil, da China, do Estado español, de Irlanda ou Portugal. Ademais dunha faceta como tradutor de poesía e outra no rock metal en galego que lle deu o premio A Coruña Son (2010).

Como creador publicou o libro de fotografía artística «Autorretrato» (2014), así como obra gráfica nas revistas «Dorna», «Campo de los Patos» ou «Kultur Austausch». Ten realizado exposicións individuais e colectivas dentro e fóra do marco galego e participado en obradoiros con fotógrafos como Yorgos Karailias, Antoine D'Agatá ou Lúa Ribeira. Xunto co editor Marcos Ferreiro codirixiu a SalaSal (primeira sala dedicada á fotografía artística da cidade) e o Festival Internacional de fotografía Visions.

Obtivo tamén unha residencia creativa na Writers House of Georgia (2017), e os Premios Mil Primaveras (2021 e 2023), Forum Europeo FEAE (2024) e Rosalía de Castro (2024).

Na editorial Xerais (2024) publicou o ensaio "Verso e acorde. Relacións entre literatura galega e música 1950-2000".